GaliciaTech_20251015-66

A Coruña acolleu este mércores no espazo de Árbore da Veira a terceira edición de Galicia Tech, un encontro que reuniu a máis dun cento de profesionais de máis de sesenta empresas galegas en torno a un mesmo propósito: crear un espazo de networking de alto valor entre os responsables da toma de decisións e abordar os retos presentes e futuros do ecosistema empresarial en Galicia.

O evento, organizado e patrocinado cada ano por Dest People, ten carácter itinerante: a súa primeira edición tivo lugar en 2023 en Santiago de Compostela e a segunda en 2024 en Vigo; para a seguinte edición considéranse Lugo ou Ourense como sedes posíbeis. Nesta edición, a xornada contou co apoio e o patrocinio de Docuten, Fundación Venancio Salcines, InCentea, Qualinnova Consulting, Sektorial Door e Seoane Asesores.

Este ano, a edición coruñesa contou coa participación de 18 relatores representantes de organizacións e entidades do sector industrial, tecnolóxico e científico. Ao longo da xornada desenvolvéronse varias mesas redondas e conversas nas que se abordaron temas centrais para a competitividade rexional: a xestión do talento nun mercado con escaseza de perfís cualificados, a integración responsable das tecnoloxías dixitais e da intelixencia artificial, e o papel da confianza e do propósito na liderado empresarial. Estas prioridades conectan coa conxuntura rexional e nacional: Galicia afronta unha fase de crecemento económico moderado tras a recuperación, pero debe acelerar a transformación produtiva e a fidelización do talento para converter ese crecemento en emprego estable e de calidade.

O equilibrio entre as persoas e o negocio, a debate

A primeira mesa redonda, titulada «Los desafíos de las empresas gallegas para el periodo 2026-2030» [Os desafíos das empresas galegas para o período 2026-2030], abriu o debate poñendo o foco na capacidade das organizacións para anticiparse e adaptarse a un contexto en constante transformación. Na conversa, moderada por Carlos Pérez Carballo, socio-director comercial de Dest People, participaron Antonio Llago, CEO de GABADI; Fernando Díaz, director xeral de Cobre San Rafael; Luz Pardo, CEO de Grupo Gestán; e Patricia Muiño, directora xeral da Fundación Venancio Salcines e directora do Proyecto Retorna. Os expertos subliñaron a necesidade de colaboración entre empresas e institucións para deseñar estratexias de atracción e fidelización do talento aliñadas con valores e propósito, ademais de políticas públicas e privadas que faciliten o retorno e a reconexión de perfís emigrados.

A segunda mesa, «Evolución humana y tecnológica, un diálogo necesario» [Evolución humana e tecnolóxica, un diálogo necesario], explorou como a tecnoloxía está redefinindo a maneira en que traballamos, lideramos e tomamos decisións. Nela participaron Alba Budiño, cofundadora de Zebra Brain; Lara Neira, fundadora de Nigal; Juan Luis Vázquez, CEO de Grupo Tourgalia; e Juan Cumbrado, director de Innovación en MAPFRE. A conversa, moderada por Noela Burés, CEO de Qualinnova, xirou en torno ao papel da innovación como motor do crecemento e á necesidade de impulsar estratexias para atraer e reter talento en liña cos valores e propósitos das compañías. Os relatores coincidiron en que o desenvolvemento tecnolóxico só ten un impacto real cando se constrúe desde relacións humanas sólidas e baseadas na confianza.

A terceira mesa, centrada no papel da tecnoloxía na atracción de talento, abordou a integración entre a intelixencia humana e artificial, a necesidade de conservar a intuición e a empatía como elementos diferenciais fronte ás máquinas, e o papel de liderado en contornos dixitais cada vez máis complexos. Participaron José Manuel González, director de Soluciones y Servicios Digitales en Canon; Ángela Souto, rTalent Acquisition Manager en Altia; Antonio Iglesias, COO en SG Tech; e Susana Ladra, catedrática de Linguaxes e Sistemas Informáticos na Universidade da Coruña. A moderación estivo a cargo de Daniel Cerqueiro, CMO en Docuten. Os relatores coincidiron en que a tecnoloxía debe ser un habilitador e non un fin en si mesmo, e que a personalización, a escoita activa e a construción de confianza son claves para atraer talento nun mercado cada vez máis competitivo.

A conversa final entre Manuel Ángel Pose, presidente executivo de Aluman e padriño desta edición de Galicia Tech, e a presentadora Mónica Martínez puxo o foco na dimensión humana de liderado. Pose destacou que a innovación e a evolución son imprescindibles para que as empresas familiares compitan a nivel internacional, pero que o éxito tamén depende de saber construír e manter equipos sólidos e unidos, poñendo como exemplo a súa propia experiencia: desde 2010 traballa co mesmo núcleo de persoas, un equipo de alto rendemento, sólido e comprometido. Ademais, subliñou que na xestión de persoas non hai xeracións, senón persoas con motivacións cambiantes; por iso, apostar por políticas centradas nas persoas, que fomenten a cohesión, a confianza e a formación continua, é clave para garantir a sostibilidade e o crecemento da empresa.

Unha idea transversal que tamén estivo presente no discurso de clausura de Diego Incio, fundador e CEO de Dest People, quen apelou ao papel clave dos líderes empresariais na recuperación da confianza entre as partes que conforman o binomio negocio-persoas, empregadores e empregados, e na necesidade de reforzar a función de persoas como arteria principal do negocio.

O encontro contou coa participación institucional de Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña, quen no seu discurso reafirmou a relevancia de GaliciaTech como un espazo de reflexión estratéxica no que a innovación, as persoas e o negocio avanzan da man.